O Trofeo Príncipe de Asturias celebrouse con dous espléndidos día de sol pero con escaso vento. O sábado púidose competir cun fermoso recorrido saíndo da badía de Baiona, bordeando as Estelas, alcanzado Cabo Home e con liña de chegada no illote Viños das Cíes. O Pingüino Uno liderou permanentemente a regata en tempo real seguido de cerca inicialmente polo Belisa e despois polo Arosa que, en canto se levantou unha pequena brisa, foi remontando postos ate ameazar a primeira posición do barco do Club Marítimo de Canido que se mantivo primeiro cruzando a meta das Cíes con 6 minutos de vantaxe. O Belisa rematou en segundo lugar e o podio quedou conformado, por esta orde, co Pingüino Uno, de Carlos Romero, o Belisa de José Manuel Cores e o Arosa, do Club Naval da Armada patroneado por Óscar Ortega.
Destacar, tamén, a participación de case a totalidade da flota de 6M, coa única excepción do Acacia e a presencia de SM o Rei Juan Carlos. Aquí o triunfo foi para o Alibabá, seguido polo Gallant e o Erica.
Despois de senllas vitorias na Regata das Illas Atlánticas e na Príncipe de Asturias o Pingüino Uno, de Carlos Romero, comanda a clasificación do Campionato Galego de Clásicos Agabace.
O Pingüino Uno foi adquirido na Arxentina no verán de 1994 por un dos irmáns Eraso para o seu actual armador. É un barco da clase Austral, deseñado pro German Frers, pai, en 1939 para Ernesto de Bary. Construído polo estaleiro Gomez y Gutiérrez de Buenos Aires con madeiras locais como viraro, cedro, lapacho e pitiribi.
No ano 2000 entrou en Lagos onde lle cambiaron a cuberta, unha nova tapa de regala, a brazola da bañeira rota, impermeabilización da cabina, un novo pau de madeira construído en Namibia co plano vélico orixinal e, xa no 2010, cambióuselle o pau por un de aluminio lacado e, tamén, a botavara
Debe estar conectado para enviar un comentario.