AS DORNAS
Dorna foi a denominación que se deu nalgún tempo ás embarcacións pequenas que se empregaron neste lado do Atlántico, facendo, incluso, referencia a unha concavidade. As construcións dos barcos atlánticos durante séculos foi a tinglado ou tingladillo, é dicir: cada táboa do forro vai superposta sobre a anterior. Non sabemos con exactitude se a orixe desta embarcación é viquinga ou é normanda, pero si que é indiscutible que se trata dun barco de orixe atlántica e exclusiva de Galicia.
A dorna ten un carácter de seu. Está feita con elementos estruturais de carballo e só cinco táboas de piñeiro do país por costado, economía en estado puro. A súa clasificación e denominación van en función do tamaño da embarcación que á súa vez veñen dadas polo oficio ao que se dedicaba cada unha delas Así, bichocas: son as de menos porte empregadas por un só home que pescaría a liña; polbeiras: para a pesca do polvo; tramalleiras: a arte que empregaban eran as redes dos tramallos; e as de maior porte serían as xeiteiras para a pesca do xeito, nas que traballaban ata 6 persoas xa que eran dornas duns 7 metros de eslora.

A Meca varada ao carón de unha dorna de 9 cuartas
Esta embarcación é característica das Rías Baixas, máis nomeadamente na práctica totalidade dos portos da Ría de Arousa i en Ons, desde tempos inmemoriais. Temos constancia de que os fomentadores cataláns dispuñan delas para abasteceren de sardiña as súas fábricas. A principios do século XX uniron portos de ambos costados da ría transportando persoas e mercancías, que foron (e serven a dia de hoxe) a pequena unidade de produción pesqueira, que as súas características de barco rexo e lixeiro fana idónea para numerosas artes de pesca con liña…. Na actualidade un número limitado de profesionais do mar continúa armando a dorna como empresa e as máis son empregadas para o lecer, na pesca recreativa ou no movemento pola conservación e fomento da cultura e o patrimonio marítimos, participando en concentracións, eventos, regatas de remo, regatas de vela e outras actividades de socialización e posta en valor.
A DORNA IRMANDIÑA
As dornas mecas desapareceron completamente a finais dos anos 60. Non se conservaban planos e tan só a partir de vellas fotografías, de debuxos, da memoria dos vellos mariñeiros que as tripularan. Coa sabedoría dos irmáns Garrido, púidose levar a cabo a construción da Irmandiña e de A Meca nos Asteleiros Garrido, as dúas dornas mecas que existen na actualidade. As dornas mecas son unha variante das dornas xeiteiras, ás que se lle ampliou o volume e manga na popa e o lanzado da proa, que lle dá un carácter especial, perfectamente definido. As dornas mecas levan este nome por seren creadas no Grove, de onde foron poboar as ribeiras de O Grove, Cambados, Rianxo, Vilaxoán e demais portos. Nelas traballaban ó xeito unha media de cinco homes e diferéncianse polo seu meirande tamaño, 16 ou máis cuartas de quilla, o que significa unha eslora de máis de 7 metros. Nelas podíanse desprazar ata mares como os da Guarda, en mareas de varios días onde os homes convivían e cociñaban as caldeiradas a bordo (con parte das capturas) e durmindo debaixo da tilla.
No ano 2003 foi botada a “Irmandiña”, un dos máis ambiciosos proxectos da asociación de Amigos da Dorna Meca: trátase dunha dorna meca de 9,5 metros de eslora construída en carballo, piñeiro país e acacia. Aparellada con vela cangrexa e coa manobra tradicional que lle corresponde.
Nos seus primeiros dez anos de vida, a “Irmandiña” estivo presente en numerosas regatas, xuntanzas e encontros de embarcacións tradicionais da costa galega. Ten participado na gravación de producións audiovisuais de carácter divulgativo e durante dúas temporadas foi empregada como barco escola de navegación tradicional, converténdose en plataforma de formación práctica para todas aquelas persoas que tiveran inquietude ou curiosidade pola navegación tradicional.
O RALLY LA BAULE-SAN VICENTE
Nas regatas de barcos clásicos con participación internacional na que se poden observar auténticas xoias asinadas polos nomes mais sobranceiros do deseño naval mundial indefectiblemente chaman a atención as dornas galegas. A Dorna Meca, a Irmandiña, a Sara, a Lavanqueira, aparelladas con vela cangrexa compiten non só coa súa magnífica estampa, senón facendo gala de maniobrabilidade e navegabilidade extraordinarias.
A aposta de cruzar o Cantábrico e a costa galega do Atlántico coa Irmandiña para participar na IX Regata das Illas Atlánticas ten, pois, moito de reivindicación e varios obxectivos, entre eles o de dar a coñecer a fermosura e o carácter mariñeiro deste barco propiamente galego. Pero tamén hai que remarcar a tripulación: un experto en travesías oceánicas (Óscar Babé), un médico (Antonio Grandío), un experto en velería (Ramón Albert) e como patrón Pepe Garrido, que non só é o dono e alma de Estaleiros Garrido, que reviviu e recuperou a construción das dornas mecas, e, en particular construíu a Irmandiña, senón que, ademais é un namorado e defensor das navegacións clásica e tradicional.
A participación da “Irmandiña” no rally La Baule-San Vicente organizado polo Yacht Club Classique de La Rochelle e Agabace, representa unha nova oportunidade para dar a coñecer a historia da navegación en Galicia, achegando a terras bretoas unha das embarcacións máis representativas da cultura marítima galega, tomando parte nun dos máis importantes eventos europeos de barcos clásicos.
Debe estar conectado para enviar un comentario.