Pepe Garrido á caña da Irmandiña
No marco dos XII Encontros de Embarcacións Tradicionais de Galicia celebrouse a regata de barcos aparellados con vela cangrexa. O día lucía espléndido: sol radiante e Nordés suficiente. Iniciouse a competición con puntualidade e con parte da flota navegando lonxe da liña de saída. Fíxose un primeiro bordo ata unha baliza inmediata a Punta Cabalo, a onde chegou destacada a Airexa cambadesa. A partir de aí, viña unha navegación a bolina ata a baliza da illa Benencia. Hai que destacar a estratexia da Irmandiña, con Pepe Garrido de patrón, que elixiu saír ata o leste da Illa de Arousa, mentres o resto das tripulacións quedaban dando múltiples bordos na canle da Illa de Arousa. A Nova Jorita, que tamén saira retrasado, elixiu facer o bordo contrario: cáseque ata a entrada de Cabo, para despois virar rumbo a Moscardiños. A vantaxe tomada pola Irmandiña foi insuperable para toda a flota e incluso para a lixeirísima Airexa. Na clasificación conforme ao JCH o terceiro posto foi para a Lavanqueira da Illa de Arousa.
A Nova Jorita
Entrega de agasallos. Foto: Driza y Escota
Á entrega de premios asistiron os presidentes de Agalcari, Federación pola Cultura Marítima e Fluvial e o Alcalde de Boiro que, logo de entregar os premios, fixo votos para a pervivencia desta regata e para ofrecer a axuda do Concello para edicións futuras.
Pingback: A escuadra meca nos encontros de Cabo | Amigos da Dorna Meca