Ramón Albert e Luis Tourón durante a dua intervención
A pasada fin de semana celebráronse os actos previstos do II Gran Premio Agalcari. Malia ao mal tempo do sábado que impediu que tódolos barcos inscritos se achegasen ás magníficas instalacións portuarias da Marina Cabo de Cruz houbo unha notable asistencia ás dúas charlas previstas para esa xornada. O profesor Luis Tourón, vicepresidente de Agabace, ilustrounos sobre a historia da vela cangrexa explicando a súa evolución inicial e o seu posterior éxito, acompañando a súa disertación cunha magnífica exposición gráfica en powerpoint. Ramón Albert, de Taller de Velería, a continuación, fixo tamén un recorrido polas diferentes feituras, materiais e cortes deste tipo de vela e dou referencias prácticas en canto ao correcto trimado deste aparello. Houbo, como non, un breve coloquio no que interviren algúns dos asistentes.
Público asistente
A navegación de exhibición prevista no programa inicial tivo que suspenderse polas malas condicións de vento e mar. O que se mantivo foi a paella mariñeira que ofreceu o restaurante do Club Náutico de Boiro aos tripulantes das embarcacións inscritas que, a continuación puideron acudir ás festas de Boiro.
O día 6 amenceu con vento escaso aínda que con previsión de Norte fresco. Antes da saída o Comité Técnico de Agabace examinou os barcos asistentes e puntuou aspectos diversos que permitiran outorgar o trofeo ao barco mais representativo. A empresa Driza y Escota, de Riveira, dou a saída puntual aínda que ao cabo de pouco tempo o vento, despois de rolar ao Sur, empezou a escasear ata desaparecer cando os barcos que ían en cabeza pasaran á altura do porto do Xufre. A Sara O, que chegara diante moi destacada, quedouse sen un so nó de vento, a media milla da meta e o resto da flota achegouse a ela. E así a lixeira Airexa, que, ademais collera mais rumbo cara ao Norte, entrou primeira na liña de chegada en tempo real, seguida da Sara O, Irmandiña e o galeón Illa de Cortegada que fixo unha magnífica regata para as condicións de vento.
A clasificación final quedou como segue:
Illa de Cortegada
Airexa
Socaire
O Laberco
Sara O
Irmandiña
Nai
Lavanqueira
Navegando
O Comité Técnico de Agabace outorgoulle o premio ao barco mais representativo á Irmandiña, que facía a súa primeira regata despois de ser rehabilitada en Astilleros Garrido.
A Irmandiña, que se presentou co novo aparello
Durante a entrega de premios as entidades organizadoras (Marina Cabo de Cruz e Concello de Boiro) comprometéronse a darlle continuidade e periodicidade anual a esta primeira regata de velas cangrexas que se leva a cabo en Galicia para que esta cita en Cabo de Cruz chegue a converterse na referencia dos barcos aparellados en vela cangrexa en Galicia.
Debe estar conectado para enviar un comentario.